A alameda de Pontevedra. Orixe e evolución

Os textos desta sección están elaborados a partir do traballo de pescuda do arquivero municipal Enrique Sotelo Resurrección.

 

A alameda de Pontevedra está emprazada na zona oeste da cidade e goza dunha espléndida vista sobre a ría. Ten unha posición estratéxica porque dominaba a zona portuaria das Corbaceiras.

A alameda ocupa unha superficie que orixinariamente queda fóra do antigo recinto amurallado.

 

As primeiras referencias históricas deste espazo hai que relacionalas coa localización do mosteiro dos dominicos (1285) no denominado Campo da Verdade, onde se producían as execucións dos reos. Tamén recibiu outra denominación: Campo das Rodas. Era aquí onde realizaban o seu oficio os cordeleiros polo que pagaban un canon ao mosteiro dos dominicos. Outra denominación tamén foi a de Campo de Sto. Domingo.

 

Comunicaba o recinto da vila coa capela de San Roque e as Corbaceiras e era o lugar onde se producía o sermón do domingo de Ramos ( mediados do s. XIV).  Unha parte do campo estaba dedicado ao cultivo da vid.

 

A mediados do s. XVI, o aumento demográfico obriga á apertura de novas rúas no espazo limítrofe á alameda: Rúa Nova de Arriba e Rúa Nova de Abaixo. Pola contra o s. XVII é un século de retroceso demográfico. Nese período constrúese a Maestranza (cuartel de San Fernando).

Arriba e a esquerda, un plano da situación da vila de Pontevedra de inicios do s. XIX, onde se pode ollar a alameda fóra do recinto amurallado. Arriba á dereita, a alameda como espazo de comunicación entre o centro histórico e o barrio mariñeiro da Moureira de Abaixo. Abaixo dúas imaxes do mesmo plano de Coello de 1856. Podemos ver o barrio da Moureira, a configuración do espazo urbano arredor da alameda e o eixe viario que servirá de organizador do futuro crecemento de Pontevedra

Fragmento dunha lámina titulada "Pontevedra pintoresca" na publicación de Ilustración española y americana, XXX, 30, de 1886. Na parte central da lámina está a alameda delimitada por unha cerca
Fragmento dunha lámina titulada "Pontevedra pintoresca" na publicación de Ilustración española y americana, XXX, 30, de 1886. Na parte central da lámina está a alameda delimitada por unha cerca

En 1787 o xesuíta Hermenegildo Amoedo Carballo relata que a alameda era un lugar de esparcimento e paseo público, distribuída en carreiras con árbores e con asentos para o descanso.

 

En 1846 hai unha serie de proxectos municipais sobre este espazo: Formar un malecón ao final da alameda, a plantación dun novo arborado e a construción dun muro e cerca con asentos obra do arquitecto municipal José Benito García Limeses.

 

En 1850 apróbanse as novas Ordenanzas Municipais polas que se prohíbe entre outras cuestións transitar a cabalo polos paseos dentro e fóra da alameda.

 

A mediados do século por mor da desamortización prodúcese unha transformación do plano da cidade. Comeza o derrubo das murallas en 1852. O campo de San José será o lugar onde se emprace a nova cárcel e onde se celebre a feira de gando. 

 

A alameda pasa a ser o punto de unión entre o antigo recinto amurallado e o mar prolongándoa ata a capela de San Roque.

Pascual Madoz describe a alameda de Pontevedra:

 

"... tiene  de  largo  352  varas,  y  de  ancho  130;  dentro  de  este espacio    hay  una  alameda  cerrada    por  un  camapé  de  cantería (...) se  halla  dividida  en  cinco espaciosas  calles  con  árboles,  y  un  ancho  salón:  adornan  este  campo 91 acacias y 57 grandes robles, sirviendo también de ornato al paseo o calle,  que  desde  la  puerta  de  Sto.  Domingo  sigue  al  campo  de  San Roque y arrabal de Moureira. La situación de este paseo y alameda con sus  vistas  sobre  la  ría,  es  de  las  mas  deliciosas  y  encantadoras,  y  a el concurre  lo  mas  elegante  y  lucido  del  vecindario,  para  tomar  el  fresco en  el  estío,  y  recrearse  con  el  hermoso  espectáculo  que  ofrece  la multitud de barcos y lanchas que flotan dentro de aquella." 

Imaxe correspondente á Exposición Rexional na revista "La ilustración gallega y asturiana", nº 26 do ano 1880
Imaxe correspondente á Exposición Rexional na revista "La ilustración gallega y asturiana", nº 26 do ano 1880

En 1880, coincidindo coa finalización das obras do novo edificio municipal prodúcese a celebración da Exposición Rexional que tivo na alameda un dos lugares de instalación dos pavillóns. É o momento no que se instalan muros para illar a Alameda, procédese a un novo plantío con árbores que chegan dende Valencia, cédese terreo para a construción do Pazo da Deputación. Autorízase a Gerardo Fariña a construción dun Kiosko café.

A chegada do ferrocarril vai ocasionar cambios na fisonomía da alameda. Unha trincheira separará a alameda do barrio das Corbaceiras. Prodúcese a apertura dunha nova rúa, Colón, e  a construción dun muro de contención no fondo da Alameda.

Na contorna da alameda edifícase a Escola de Artes e Oficios e ábrese a Gran Vía de Montero Ríos.

Novas rúas xurden na contorna da alameda: Echegaray, Avda. Raiña Vitoria, Xeneral Martitegui.

Imaxe de 1911, procedente do Faro de Vigo da nova do 9/6/2009. Preme sobre a imaxe para saber máis
Imaxe de 1911, procedente do Faro de Vigo da nova do 9/6/2009. Preme sobre a imaxe para saber máis

No inicio do s. XX  a puxa pola construción do palco da música.

En 1909 a iniciativa do Centro Galego en Madrid, nos xardíns anteriores á alameda entre a Casa Consistorial e o comezo da arboreda da alameda, eríxese un monumento aos heroes de Ponte Sampaio para celebrar o centenario da Guerra de Independencia. O autor da obra é Julio González Pola. Inaugúrase en 1911.

 

As diferentes clases sociais acoden ao paseo da alameda distribuídas sen mesturarse. A zona máis próxima ao palco da música estaba reservado para persoal doméstico e soldados. O seguinte paseo era utilizado polos artesáns e modistas e os dous restantes, os máis próximos ao kiosko- café estaba frecuentado polos señoritos. Nos veráns, en xoves e domingos, tiñan lugar os concertos da Banda de Música. 

 

Nos anos vinte botan chapapote nas carreiras e paseos e adquírense tilos e acacias. No extremo da alameda orientado á ría, eríxense dúas esbeltas columnas con leóns e uns panos de cerámica vidriada da fábrica sevillana de Mensaque, deseñadas polo pintor pontevedrés Carlos Sobrino. O kiosko-café foi adxudicado no 36 a Luís González quen recibe autorización para explotalo por doce anos. 

 

Nesta ligazón podes saber un pouco máis da evolución da avda Montero Ríos que franquea a alameda polo lado leste. No caso de Montero Ríos había numerosas árbores entre a propia calzada e os edificios que urbanizan este espazo, contrastando coa imaxe dos anos finais dos sesenta onde a rúa estaba convertida nunha improvisada estación de autobuses. Na actualidade esta rúa está recuperada da agresión do tráfico rodado, pero non chega a restaurar a vexetación orixinaria ao converterse en teito do aparcamento da alameda, creando unha superficie máis dura, pero moi usada pola cidadanía.

Nesta outra ligazón podes saber máis da evolución da rúa Alameda. Vial que pecha a alameda polo lado oeste, era case un paseo arborado que prolongaría o espazo verde fóra da alameda. A transformación dos anos sesenta e setenta resulta moi notable. Na actualidade hai poucos trocos morfolóxicos, se ben a caída do tránsito dos automóbiles, mellora a calidade de vida da zona.

O peche da alameda polo lado norte experimentou bastantes modificacións como podemos ollar nesta serie de imaxes. 

Cuestionario:

  1. O lugar que máis tarde ocuparía a alameda estaba dentro da cidade amurallada ou extramuros? 
  2. Que era o espazo da alameda en orixe?  Por que lle chamaban o Campo da Verdade e Campo das Rodas?. Pescuda a relación que houbo entre a orde dos dominicos e a Sta. Inquisición.
  3. Vendo o plano de Coello de 1856, que había rodeando á alameda? Que hai hoxe nese espazo que rodea á alameda? Pescuda que había onde hoxe o paseo das Palmeiras.
  4. Que conectaría a apertura das rúas Nova de Arriba e Nova de Abaixo?
  5. Poderiamos dicir que a alameda é un elemento de transición entre a cidade amurallada, burguesa, e o barrio da Moureira?
  6.  Pescuda no significado da palabra Maestranza. Olla nesta ligazón: A que función estivo destinada este edificio? Na actualidade que alberga?. 
  7. A alameda foi o lugar elixido para albergar a Exposición Rexional. Pescuda sobre o obxecto destas exposicións.
  8. Pescuda sobre o arquitecto municipal Alejandro Rodríguez- Sesmero González. Pescuda sobre as súas obras na nosa cidade.
  9. Que cambios produce, no lado sur da alameda, o paso do ferrocarril? Pescuda cando chega o ferrocarril a Pontevedra. Con que retraso chega o tren á nosa cidade respecto ao inicio deste medio de transporte en España.
  10. A alameda era un punto de encontro e de paseo, pero que acontecía coas persoas que alí se congregaban? Por que cres que pasaba isto?
  11. Que opinas das diferentes transformacións das rúas que arrodean a alameda?