As alamedas como espazos urbanos.

Alameda de Hércules en Sevilla
Alameda de Hércules en Sevilla

A alameda de Hércules de Sevilla (1574), unha das primeiras alamedas en España.  Aínda que en orixe foi concibida como homenaxe á nova dinastía dos Habsburgo, foi un espazo de clara función urbanística e un lugar de lecer para a cidadanía e un xardín de sociabilidade.

 

Durante a Idade Moderna creáronse xardíns públicos en numerosas cidades e vilas do reino de España. Construíronse en Úbeda (1550), Madrid ( Paseo do Prado, 1578), Sevilla (alameda de Hércules, 1574), Valladolid ( Nosa Señora do Prado, 1603), Segovia, Jaén, Baeza e Cazorla.  Segundo algúns autores, a inspiración máis inmediata para as nosas alamedas estaría nas arboredas dos polders holandeses e na muralla da cidade italiana de Lucca onde a vexetación serviría para fixar o terreo

 

Alameda de Capuchinos en Jaén
Alameda de Capuchinos en Jaén

As alamedas da Idade Moderna eran paseos formados por varias rúas de árbores. Aquí era posible gozar da sombra para distintas actividades, entre elas o exercizo atlético e o adestramento dos cabaleiros; do descanso e a contemplación dos ciclos vitais da natureza, que axudaba á relaxación psíquica e ao estudo, pero tamén era o lugar ideal para establecer múltiples formas de relación social. Alí acudían os distintos estamentos sociais, reuníndose en torno ao faladoiro e ao son da música. A chegada do bo tempo, a festa, o mercado e as efemérides eran motivo de reunión social neste espazo.

 

As primeiras reflexións documentadas sobre o valor das árbores e os bosques corresponde á Antigüidade. Os gregos e romanos admiraban o gran tamaño das árbores e se ofrecían como ofrenda aos deuses. A árbore foi considerada polo seu lento crecemento ata acadar o seu extraordinario tamaño, polos seus gratificantes efectos sensoriais e pola súa permanencia no mesmo lugar como testemuña muda dos avatares mundanos.

 

Na Grecia Clásica eran estimados os bosques ornamentais con aliñacións de árbores que permitían conformar unhas áreas de paseo con sombra e zonas de de adestramentos de atletas.

 

En Grecia e Roma, a especie máis valorada para os espazos arborados, públicos e privados, era o plátano de sombra (Platanus Orientalis).

 

álamo era unha das árbores máis vencelladas coa mitoloxía clásica. Formaba parte do ceremonial  no culto a Hércules dos templos de Roma. Plinio o Vello contouno da seguinte forma:

“Hai especies arbóreas que gozan de permanente protección por estar consagradas a determinados deuses, como o carballo a Xúpiter, o loureiro a Apolo, a oliveira a Minerva, o mirto a Venus e o álamo a Hércules”.

 

 

A cidade italiana de Lucca conserva un centro histórico rodeado dunha muralla coroada por un paseo de árbores moi utilizado polos seus habitantes e visitantes como lugar de lecer e encontro. Esta solución de ringleiras de árbores, igual que a vexetación que permitía fixar os diques dos polders holandeses (Lange Vijverberg na Haya), serviron de inspiración para as alamedas realizadas na Idade Moderna durante a dinastía dos Austrias. 

O Paseo do Prado en Madrid
O Paseo do Prado en Madrid

As alamedas son un xardín público no que as árbores xogan un papel esencial ao ordenar o espazo para que sexa percorrido lonxitudinalmente, estimulando e delimitando o movemento dos seus visitantes ao espazo marcado polo eixe do paseo.

 

A creación e expansión das alamedas polo territorio correu paralela á ampliación propia da Idade Moderna da explotación dos recursos de abastecemento de auga potable e saneamento. O rego é vital para o seu mantemento, e xeralmente esta necesidade convértese en virtude ao contar con fontes que ademais de cumprir cunha función de refresco e ornato,reforzan o carácter axial deste espazo e  dótano de fitos emblemáticos cando están decoradas con programas iconográficos.

 

As alamedas adoitan situarse extramuros (aínda que non sempre),  preto de portas da cidade ou camiños de acceso ou perimetrais (cando non sobre eles),  e o seu uso  dotaas dunha vocación propia, na que o espazo aberto da natureza axardinada énchese coa presenza humana constante. Neste sentido, as alamedas cumpren tamén unha función non escrita que permite conquistar un espazo, pouco urbanizado por distintas causas para a edificación e para a expansión das zonas habitadas. As alamedas supoñen a conquista dun espazo desordenado.

 

Xunto a estas alamedas temos os paseos arborados, que constitúen unha versión simplificada das alamedas e que en moitos casos constituirían o núcleo dunha futura alameda. Están constituidos polo camiño franqueado por árbores, e estando próximos ás poboacións a súa creación e mantemento eran máis doados que o dunha alameda; aínda que existiron case dende sempre, a súa proliferación foi en aumento a partir do século XVI, formando un continuum  verde en torno ás poboacións.


Preguntas sobre este módulo

  1. Despois de ler a información dá unha definición de alameda
  2. Cal é a función que cumpren estes espazos?
  3. Segundo algúns autores, o precedente máis inmediato das alamedas españolas está nos Países Baixos e na cidade italiana de Lucca. Que papel cumpría aí a presenza das árbores?
  4. Que monarca español foi impulsor da creación das alamedas nalgunhas cidades españolas?
  5. Onde están as alamedas máis antigas en España?
  6. Que importancia dan na Antigüedade Clásica aos espazos con árbores?
  7. Que actividades adoitan aparecer nestes espazos?
  8. Onde adoitaban aparecer as alamedas nas cidades? Esta localización que vai propiciar? 
  9. Que elementos aparecen nas alamedas?
  10. Que especies de árbores adoitan localizarse nas alamedas?