Homenaxe a Carlos Sobrino do Departamento de Educación Plástica

Reinterpretando o universo de Carlos Sobrino

A Galicia que busca Carlos Sobrino está chea de elementos identitarios. A obra deste pintor e, especificamente, os esmaltes que cobren o zócalo da alameda recollen unha serie de paisaxes costeiras e de interior, unhas prazas e unhas rúas que calquera espectador pode recoñecer como galegas fronte a outras realidades que podemos considerar alleas.

Os pintores, literatos, historiadores de finais do s. XIX e comezos do s. XX pescudan nas raíces, no ser e o estar dun pobo, no seu devir e descobren uns elementos diferenciadores que proliferan polo territorio e que permiten construír unhas paisaxes cheas de personalidade, ofrecendo unha explicación, unha estrutura para analizar a realidade que nos marca. Construímos un relato propio por pura necesidade de comprender.

Miles de anos de lenta edificación dunha cultura rural foron forxando unha forma peculiar de ocupar o territorio, de inmobles modestos e humildes, pero integrados nunha paisaxe que frecuentemente resulta brumosa. A gama de pardos e verdes que impregna de melancolía e tenrura aos nosos campos, a pedra posta no humilde muro de cachotería ou o rico perpiaño do pazo, o cruceiro, o hórreo, as casas mariñeiras con ménsulas e patín, agrupadas para defenderse dos duros ventos, as xentes do mar coas súas patelas,  o barroco compostelá tan repetido nas igrexas do noso solar, as feiras e mercados, as romarías, as prazas urbanas coas súas casas con soportais... son elementos característicos na obra de Carlos Sobrino e nos pintores costumbristas da época. Eles souberon transmitir unha imaxe de marca e podemos dicir que practicamente chegou ata os nosos días, pero podemos soster a identidade da cultura galega neses mesmos elementos na actualidade? Probablemente moitos están transformados, outros xa non nos valen e transmiten unha imaxe distorsionada, o campo está abandonado, os montes cheo de eucaliptos, o mar esquilmado, moitos dos hórreos xa non gardan millo  ou patacas, as igrexas pechan por falta de curas e de feligreses... Realmente, a transformación social e  paisaxística producida neste país nos últimos 50 anos necesita dunha nova mirada, dunha nova pescuda, dun novo relato que permita interpretar a realidade para non caer na anomia.    

O traballo final do alumnado na materia de Debuxo Artístico, coordinado pola profesora Carmen Pernas, que podemos ver aquí é unha homenaxe a Carlos Sobrino e o seu mundo: O folclore, os hórreos, os cruceiros, os campos. Interpretado de forma colorista e fragmentado a modo de antigo mosaico, o alumnado foi quen de crear un diálogo cos esmaltes da alameda. Un mundo que morre diante nosa e que precisa unha nova ollada e novas linguaxes.

O proceso de traballo está recollido na secuencia de imaxes que acompañamos nesta sección.

O alumnado dirixido por Carmen Pernas na materia de Educación Plástica de 3º da ESO como na de Debuxo Artístico de 2º de bacharelato seleccionou unha serie de imaxes alusivas ao mundo de Carlos Sobrino e o transformou nunha serie de liñas mestras as que logo se lle deu cor de forma aleatoria. 

A idea foi evolucionando ata volcar os traballos sobre un acetado onde as liñas do debuxo foron transformadas en liñas de plomo, como nas vidreiras das igrexas góticas, mentres as pezas do mosaico pasaron a ser coloreadas cunhas pinturas que simulan os esmaltes.

A mesma idea  foi traballada tamén a través da técnica do gravado.

O tamaño do acetato ten as dimensións para encaixar no zócalo da alameda e lanzar un chamamento as autoridades e á opinión pública para que coiden os esmaltes de Sobrino e se animen a continuar a obra deste pintor con outras miradas e outras linguaxes compositivas.

Resultado final no seu contexto de valorización da obra de Carlos Sobrino