Os esmaltes de Carlos Sobrino

Apuntes da súa biografía:

Nace en Pontevedra, en 1885, no seo dunha familia acomodada e de moita tradición artística. O seu curmán, co que tivo unha intensa relación, era o tamén pintor Enrique Campo O seu talento inclinábao cara as Belas Artes, pero a familia considerou mellor para a súa formación os estudos de Comercio en Madrid. Con todo puido compaxinar estes estudos cunha formación artística na Academia de San Fernando de Madrid. Terminados os estudos convértese en profesor da Escola de Comercio de León e posteriormente de Vigo onde tamén consegue praza de profesor na Escola de Artes e Oficios.

 

Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas logrando medallas e mencións honoríficas en moitas delas. Colaborou como ilustrador  en revistas como Blanco e Negro, entre os anos 1918 e1924, ou en xornais como Faro de Vigo.

 

En 1923 foi becario da Deputación en distintos países europeos para profundar na súa formación artística.

 

 

Finou en Vigo en 1978

Os azulexos da alameda de Pontevedra

O azulexo decorativo da alameda de Pontevedra foi executado na fábrica Mensaque Rodríguez e Compañia de Triana en Sevilla. A factura andaluza á hora de elaborar os azulexos pictóricos está modificada pola man de Carlos Sobrino quen galeguiza esa produción tanto na estética como na temática.

Son vinte e tres azulexos de divulgación e atracción da paisaxe galega costeira e de interior, do interese etnográfico e difusión dun estilo moi propio da obra pictórica galega deses decenios iniciais do s. XX. Combarro, Monterrei, Lugo, as Rías Baixas, a praza da Leña, a arquitectura pacega, son os escenarios elixidos para executar esta obra. Son azulexos, pintados en 1927, que destacan polo seu debuxo e o vivo colorido. Auténticas postais da Galicia rural e mariñeira dese momento. Eran fiestras abertas a esas realidades ignoradas por unha burguesía urbana que só recoñece delas a parte folklórica sen desentrañar as esencias dunha identidade galega labrada ao longo dos séculos.

A súa elaboración parte de bosquexos, apuntes feitos in situ, que logo serán trasladados ao lenzo ou a unha acuarela. Son escenarios que están pensados como unha exposición permanente no extremo da alameda que mira á ría e que funciona como unha invitación a visitalos.

Igual que os azulexos portugueses están decorando as paredes dos mosteiros e pazos, aquí ocupan un espazo de paseo e lecer ao aire libre. En resumo, estamos ante unha produción pictórica que se eterniza nun material duradeiro e que exalta as diferentes paisaxes galegas. 

Retrato de Carlos Sobrino Buhígas
Retrato de Carlos Sobrino Buhígas

Educado nun ambente familiar culto e con dotes artísticas variadas, Carlos Sobrino sente moi pronto o interese e gusto pola antigüidade e pola pedra labrada solta ou edificada. Este pintor costumista trata de captar a realidade que o arrodea. Toma apuntes de todo aquilo que lle pode suxerir unha identidade galaica. Nas súas numerosas saídas e excursións debuxa as paisaxes rurais,  a arquitectura pétrea dos pazos e das igrexas, das prazas e rúas das vilas, as aldeas e os camiños polos que se desenvolve a vida das xentes do común que poden conversar en torno a un cruceiro. Excelente debuxante disposto a rexistrar o patrimonio cultural galego. Villar Ponte dicía de Sobrino: “É o pintor dos recunchos históricos e tradicionais; o artista divulgador das nosas cousas etnográficas; acuarelista e debuxante da arquitectura galega”.

 

 

A romaría
A romaría

O seu período de esplendor acontece entre a segunda década e os anos 40 do s.XX deixando para a posteridade unha colección de escenas dunha Galicia rural xa desaparecida. Nunha entrevista ao Faro de Vigo a mediados dos setenta dicía: “ Eu fixen moitos quilómetros andando. Tomaba apuntes. Debuxaba constantemente o popular: recunchos, feiras, romarías, mercados. Logo, na casa, construía os cadros de asunto...”

Dominador do retrato dos habitantes do rural e das xentes do mar, atopa en Combarro un filón para a súa obra pictórica. O seu debuxo arqueolóxico estaba disposto sempre a recoller cun realismo documental o estado no que se atopa o motivo que inspira a súa obra. A súa relación coa Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra(1894-1939) que foi a entidade de recoller os vestixios do pasado dunha cidade, Pontevedra, a piques de entrar nun novo tempo. Un tempo no que se pon en valor a ruína.

 

Trabou amizade con moitas personalidades e intelectuais da época. A súa amizade con Castelao viña da súa participación na Exposición rexional de 1909 acontecida en Santiago e da Carlos Sobrino obtivo unha medalla de ouro e diploma de honra.

Carlos Sobrino, nos seus paseos por feiras, mercados, atrios, prazas,  aldeas, retrata as xentes do país. Anota as súas vestimentas, o seu modo de vida dun xeito realista.

 

Este debuxante e pintor tamén foi ilustrador de libros de temática galaica como o de Augusto González Besada sobre “Rosalía de Castro. Notas biográficas” de 1916. Adoptando a estética modernista non deixa de ilustrar o libro botando man do debuxo arqueolóxico tan proio de Sobrino con escenas de vellas arquitecturas galegas.

A crítica desa época do segundo decenio do século XX dicía “Sobrino atopou nos pobos galaicos, nas aldeas escondidas, nos cemiterios  humildes, nos  vellos  pazos  aldeáns,  fonte  de  inspiración  para a súa arte persoal, sutil, que deixa no ánimo impresión forte.(...) Sobrino é severo na traza, case adusto nas súas tonalidades, pero dá unha sensación de verdade absoluta. Copia a Galicia con sincero realismo. Debuxa con solidez e con facilidade grandes, e como gusta dos grandes contrastes de claro escuro, obtén os máis sorprendentes efectos...”.