Os elementos da alameda de Pontevedra

As árbores 

Se entramos na alameda polo lado sur o que temos son catro ringleiras de plátanos de sombra que abovedan a vista sobre a ría. Ao chegar á altura do palco de música, aproximadamente na metade da alameda, aparecen carballos. Algúns destes exemplares teñen moitos anos, en especial os carballos que están no extremo norte da alameda. A superficie cuberta polos carballos ten unha menor densidade de vexetación que o lado dos plátanos de sombra quizáis pola morte dalgúns exemplares que deixaron un oco nalgunhas das rúas creadas polas ringleiras de árbores.

Vendo imaxes antigas da alameda podemos aprezar unha masa arbórea máis consistente ca actual  

Outro elemento que non falta nas alamedas son os palcos de música. No caso que nos ocupa temos unha construción de planta octogonal que parte dun zócalo de pedra a modo de plinto para darlle altura. Unha balaustrada metálica percorre o perímetro da planta  onde se situarán os músicos cunhas finas columnas clásicas de ferro forxado que, situadas nos vértices do octógono, sosteñen unha cuberta a modo dunha pagoda oriental. A cornisa da bóveda está percorrida por  un fio de metal, que describe ondas creando a sensación de movemento a modo das gotas centroeuropeas que penden das cornisas dos faiados e que tantas veces foi reproducido na arquitectura indiana. O uso do ferro forxado, pintado de branco, dalle ao conxunto un aspecto de gaiola. modernista, moi porpio do gusto da época na que foi construído.

Emprazado no treito medio da alameda, unha das caras da construción cae sobre o poio corrido que serve de asento sobre o paseo de Montero Ríos.

Os bancos que franquean a rúa central da alameda son de pedra sen repaldo. Son bancos de bordes redondeados cuns soportes decorados cun relevo de volutas. O autor utiliza un recurso clásico que reforza a liña curva do conxunto e que podemos ver con certa frecuencia no mobiliario modernista. Observando imaxes antigas vemos que son os mesmos bancos, se ben tamén  había outros que combinan a madeira para a base e o respaldo e o ferro, simulando as polas dunhas árbores, para as patas, un modelo que tivo gran éxito reproducido ata actualidade.

O mobiliario actual precisaría dalgunha revisión ou algún complemento para combinar o sinxelo e austero banco de pedra con outros asentos máis cómodos que conviden ao transeunte a sentarse na alameda.

A iluminación é outro elemento que mudou respecto ás imaxes antigas pois pasamos das clásicas farolas a unha iluminación que procede do chan a modo de luces indirectas, creando un efecto de  contrapicado nas árbores.

A iluminación está ubicada debaixo dos asentos de pedra e ao pé dalgunhas árbores. Deste xeito, a alameda, de noite, é o dominio da penumbra, contrastando poderosamente coa luz que procede dos laterais, da rúa Alameda e das farolas da avenida de Montero Ríos, que son os verdadeiros puntos de iluminación.

 

O chan segue a ser o mesmo que se observa nas fotografías antigas, de terra batida, pero na actualidade conta con moita superficie cuberta por herba que medra de xeito espontáneo. A falta dun treito pavimentado quizáis inflúa negativamente no uso deste espazo pola cidadanía. As rúas laterais creadas polas ringleiras de árbores están moi descoidadas. Aí a herba agocha excrementos de cans o que fala da necesidade de máis papeleiras e un mellor acondicionamento. 

O kiosko- café. Na actualidade existe un bar- taberna e restaurante que ten acondicionada unha terraza no propio espacio da alameda. A existencia deste servizo é un elemento dinamizador da alameda.  O actual edificio está situado no antigo kiosko- café, pero o seu aspecto mudou bastante. 

A parte do sur da alameda, que presenta vistas sobre a ría, está pechada por unha balaustrada que culmina un zócalo onde se ubica a cerámica vidriada de Carlos Sobrino. A fronte da alameda por este lado presenta unha entrada máis monumental cunha preciosa escaleira que partindo dun treito único acaba por bifucarse a dereita e esquerda dese treito principal á modo dunha escaleira pacega. Unha vez máis as escaleira da Biblioteca Laurentiana de Miguel Ángel pode estar presente na inspiración do autor. Franqueando a escaleira dous enormes piares que sosteñen cada un un león alado. A lembranza ás entradas das Exposicións Universais é moi potente.   

Na parte norte, a alameda remata nunha suave escaleira e nos extremos, onde arranca o muro perimetral eríxense unhas enormes copas pétreas. Terían un significado ademáis de cumprir unha función decorativa? Poderían ser un alegato propiciatorio da abundancia e da inmortalidade?