As alamedas en Galicia

A alameda de Santiago de Compostela
A alameda de Santiago de Compostela

Textos reelaborados a partir do traballo sobre as alamedas en Galicia dirixido por José Ramón Alonso Pereira.

A alameda decimonónica española aúna ser un espazo de circulación e de estancia sen deixar nunca que predomine unha sobre a outra. Aínda que as veces poidamos ter a impresión dun espacio urbano pensado só para ser percorrido, dunha simple avenida arborada, a alameda decimonónica posúe tamén un carácter estancial, case de praza alongada, reforzado en cada momento polos equipamentos e o mobiliario urbano.

 

A alameda vai encontrar a súa mellor acollida  nas capitais medias, cabeceiras de territorios provinciais ou comarcais.

 

Evidentemente non será o mesmo unha alameda ubicada no interior da cidade histórica, que aquela que xurde entre ésta e o ensanche da poboación, ou que se implanta sobre terrenos gañados ao mar no borde de ambas  poboacións antiga e nova.

 

No primeiro caso teremos unha especie de praza maior arborada que actúa de corazón da cidade, utilizando recintos previamente desamortizados. No segundo, a alameda convértese en nexo morfolóxico entre a historia e a modernidade. No terceiro caso, a alameda farase parte da paisaxe e contribuirá a definir a unión de cidade e territorio.

Vista aérea dos xardíns de Méndez Núñez en A Coruña
Vista aérea dos xardíns de Méndez Núñez en A Coruña

As alamedas reclamarán conxuntos escultóricos, requerirán asentos e lugares de espectáculo ou recreo, esixirán principios, finais, centros e límites arquitectónicos. Fontes e monumentos, farolas de aceite, logo de gas, máis tarde eléctricas, bancos e urinarios, ringleiras de cadeiras, palomares e kioscos, tinglados de feira e curiosos aparatos irán dominando pacíficamente a alameda urbana. Pero todos estes elementos mobles non deben facernos perder de vista os elementos fixos: as árbores e a súa importancia como configuradores de espazos

 

A alameda de Vigo
A alameda de Vigo

A localización da alameda respecto da cidade varía:

  • Se a cidade ten muralla a alameda emprázase no extramuro.
  • Sen preexistencia de muralla a alameda levántase en zonas limítrofes do casco urbano. En terreo tomado ao mar  (areal).
  • Outras veces procédese á substitución da muralla pola alameda.

 A burguesía incorpora elementos novos á alameda; os teatros, kioscos, cinematógrafos, música,...

 

Un incremento significativo da poboación deu orixe a unha maior demanda de espazos de lecer. Isto, seguramente é a causa da xeración de espazos verdes de diversas características na contorna inmediata da alameda.

 

A partir de aquí non se pode falar da alameda como peza singular, senón máis ben como un elemento parcial dun elemento máis complexo que é a área verdeA zona verde podemos considerala como unha tipoloxía nova enfocada a resolver o tempo de lecer dunha sociedade masificada. Conxuga estructuras diversas como son: o paseo, o recreo de nenos, o parque, as zonas deportivas...

 

Se consideramos que non se crearon novas alamedas senón máis ben conservado as existentes parece consecuente dicir que a tipoloxía de alameda non ten continuidade nestes momentos.

 

Parque de San Lázaro en Ourense
Parque de San Lázaro en Ourense

Parque de San Lázaro en Ourense

"De orixes medievais, estes xardíns son hoxe un dos recunchos que aínda conservan o encanto de finais do século XIX e comezos do XX, con magníficas mostras de arquitectura modernista. Atravesada pola rúa do Progreso, a súa zona superior recibe o nome de Xardíns do Bispo Cesáreo, e está centrada por unha fermosa fonte chegada do Mosteiro de Oseira. Nun recanto, unha escultura dedicada ao escritor Eduardo Blanco Amor parece contemplar o tranquilo pasear desta alameda, transición entre o Ourense moderno e o medieval."

Texto extraído dun folleto turístico de Ourense Termal

Xardíns de Méndez Núñez de A Coruña
Xardíns de Méndez Núñez de A Coruña

Xardíns de Méndez Núñez en A Coruña

Un exemplo da creación da alameda sobre a superficie gañada ao mar coa construción do peirao. O plano máis antigo deste espazo é de 1879, o plano de Barón e Yañez.

Un paseo franqueado por palmeiras delimitado en ambos extremos por esculturas (Daniel Carballo, na imaxe, e Curros Enríquez). Entre ambos conxuntos escultóricos eríxese o palco da música de estilo modernista. Esta mesma linguaxe artística está presente no Kiosko Alfonso, un dos edificios que pechan por un dos laterais a alameda.

Praza de Compostela en Vigo
Praza de Compostela en Vigo

A alameda de Vigo

A praza de Compostela entre o barrio do Areal, o ensanche Olloqui e o inicio do centro histórico de Vigo é o lugar elixido para crear a alameda. Encravada no barrio burgués, deseñado e construído na segunda metade do s. XIX, presenta toda a riqueza dos elementos propios dun xardín urbano: a presenza de árbores enmarcando o eixe lonxitudinal desta área verde, fontes, esculturas, bancos, e farolas.

O eixe lonxitudinal da alameda, poboado por poderosas árbores de diferentes especies ( magnolias, camelias, castaños de Indias, araucarias..), está comprendido entre dúas fontes simétricas que deixan no centro unha fonte luminosa e unha escultura adicada a Méndez Núñez. Este espazo está rodeado por inmobles que pertencen a área máis cara de Vigo

Alameda de Santiago
Alameda de Santiago

A alameda de Santiago

Emprazada entre o final do centro histórico e o ensanche, esténdese polos terreos cedidos polo conde de Altamira. A súa orixe está directamente relacionada coa conexión coa carballeira que dende o alto do promontorio domina a igrexa de Sta. Susana e que fornecía de madeira, leña e landras á cidade e servía de recinto para a feira. Ten varios treitos: o paseo da Estrela que comunica a Porta Faxeira coa Igrexa do Pilar, formada por un paseo de tileiras e dotado os elementos dunha alameda : bancos, farolas, palco de música, fontes, esculturas, e o paseo da Ferradura que rodea a carballeira de Sta. Susana e que está enmarcado en sectores por carballos e noutros por palmeiras. A riqueza e variedade deste espazo, a súa situación e o seu trazado converte a esta área verde nun espazo moi vivo e frecuentado pola cidadanía.

A alameda do almirante Suances en Ferrol
A alameda do almirante Suances en Ferrol

A alameda de Ferrol

 Deseñada nos anos sesenta do s. XVIII, este espazo nace a modo de xardín botánico entre o barrio da Magdalena e as instalacións militares que ocupan a fronte marítima nunha cidade marcada pola súa ligazón coa Armada. Un diálogo entre a cidade civil e a cidade militar. A primeira alameda pública de Galicia, mestura de avenida arborada, xardín e praza que se estende dende o barrio do Esteiro ata o Ferrol vello. Así pois é un espazo verde que une o Ferrol Vello, o barrio da Magdalena e o barrio do Esteiro. Un auténtico borde urbano que conecta as diferentes partes da cidade polo que resulta moi transitada a diario.

Cuestionario:

  1. Como deberíamos considerar as alamedas, como espazos de tránsito, como espazos de estancia ou como ambas cousas á vez? 
  2. As alamedas, as veces, están ubicadas entre espazos de diferente natureza, servindo de nexo entre ambos, cres que a alameda de Pontevedra cumpre esa función? Por que?
  3. No caso da alameda de Vigo, entre que zonas da cidade está?. Pescuda que significa no urbanismo español a palabra ensanche. Pescuda tamén o tipo de actividade que había no barrio do Areal.
  4. Aclara a frase: "as veces as alamedas son unha unión entre cidade e territorio". A alameda de A Coruña foi creada sobre terreo gañado ao mar. Cres que podería ser un bo exemplo desa unión entre cidade e territorio?
  5. Que elementos son comúns en todas as alamedas en Galicia?
  6. Que diferencia sutil pode haber entre a áreas verdes das cidades e as antigas alamedas? 
  7. Cal é o estilo artístico dos palcos de música existentes nas alamedas de Galicia? Pescuda na rede que caracteríticas ten este estilo
  8. En moitos casos estas alamedas enriqueceron as especies de árbores presentes converténdose en auténticos xardíns botánicos. Poderías enumerar algunhas especies presentes nas alamedas de Galicia.
  9. Por que di que a alameda de Ferrol é un diáologo entre a cidade civil e a militar?
  10. As fontes é outro elemento presente en moitas alamedas. De onde procede a de Ourense?